Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Brión inviste 22.000 euros en melloras nos parques infantis de Devesa da Gándara e Monte Devesa


As obras de instalación de pavimento continuo de caucho comezaron esta semana e estarán rematadas antes de finais de mes

O Concello de Brión vén de iniciar as obras de instalación de pavimento continuo de caucho en dous parques infantís na parroquia dos Ánxeles, emprazados nas urbanizacións Devesa da Gándara e Monte Devesa. Unhas obras que están sendo executadas pola empresa Zona de Obra O Rosal SL e nas que o Concello de Brión inviste un total de 22.423,8 euros.

Os traballos comezaron esta mesma semana e serán moi semellantes aos realizados este mesmo verán no parque infantil de Guitiande, xa que consistirán na substitución do actual pavimento feito a base de area por outro pavimento continuo de caucho de cores. Este novo chan é máis duradeiro, limpo, hixiénico e, sobre todo, seguro, xa que facilita aos máis cativos a súa aprendizaxe á hora de camiñar.

Os dous parques de xogo atópanse perfectamente integrados nunha zona verde, se ben no de Monte Devesa será preciso facer unha pequena escavación e nivelado do terreo previo á colocación do novo pavimento, cuxo espesor garante a seguridade dos pequenos incluso dende caídas de ata 2 metros. Se o tempo o permite, as obras poderían estar rematadas ao longo da próxima semana.